“Traballemos ou non, todos temos dereito a casa e comida”
Daniel Raventós, profesor de Teoría Sociolóxica e Metodoloxía das Ciencias Socias na Facultade de Económicas da Universidade de Barcelona, é presidente da Xarxa (rede) Renda Básica, unha asociación fundada en Catalunya a principios de 2001 como sección da Basic Income European Network. Hai poucos días estivo en Santiago, convidado pola CIG, para explicar aos seus cadros en que consiste o que propoñen.
Que é iso da renda básica?
–Unha renda garantida de forma incondicional a todos os individuos, sen necesidade dun test de recursos ou de estar realizando algún tipo de traballo. Unha renda modesta, pero suficiente para cubrir as necesidades básicas da vida, a pagar a cada membro da sociedade como un dereito, financiada por impostos ou por outros medios e non suxeita a máis condición que a de cidadanía ou residencia.
E quen paga iso?
O Estado, a cada membro de pleno dereito mesmo se non quere traballar de forma remunerada e sen tomar en consideración se é rico ou pobre, independentemente de outras posíbeis fontes de renda e sen importar con quen conviva.
Iso parece un subsidio?
É calquera cousa menos iso. Co concepto que nós promovemos de renda básica non deben confundirse os diversos subsidios condicionados que son propios do estado de benestar e que están condicionados á verificación dos ingresos recibidos no mercado laboral. En Euskadi aprobouse, a finais de 2000, unha lei que introducía algo que se chama renda básica, pero que non é realmente tal porque se fai efectiva só baixo determinadas condicións. A renda básica non ten nada que ver coas rendas mínimas de inserción que se pagan na maioría das comunidades autónomas. Tampouco ten que confudirse co chamado imposto negativo sobre a renda, que é un crédito impositivo e reembolsábel que garantiza un nivel mínimo de ingresos mediante política fiscal.
Logo, cales son a vantaxes da renda básica?
Se miramos adefinción de pobreza que hai na UE –persoa pobre é aquela que percibe menos da metade da renda media da área xeográfica de referencia–, máis do 20 por cento dos habitantes do Reino de España, arredor de oito millóns de persoas, están por debaixo ou na liña da pobreza. Sobreviven con menos de 310 euros ao mes. Resulta evidente, ademais, que se dan unhas condicións laborais que nos obrigan a falar de precariedade no emprego e descontento relativo ás formas de traballo. As formulación nas que se sustentan os actuais sistemas de subsidios condicionados foron superadas polas circunstancias económicas e sociais ue arrodearon os fenómenos dun paro que cada vez afecta a un maior número de colectivos (mulleres, familias mponoparentais, xoves e maiores de 50 anos, etc.). Faise incuestionábel a necesidade de estudiar a aplicación da renda básica.
En principio, o que se fai é costa arriba pensar en que todos podemos ser pagados por non facer nada.
Non é ser pagados por non facer nada. É por ser memrbos dunha sociedade que precisa redistribuir riqueza. O concepto de renda básica supera a situación actual, e podería mesmo resultar menos gravosa economicamente que os sistemas subsidiarios actuais, paro incluído. Se o Estado lle paga unha renda básica a cada cidadán non ten que gastar nada en controlar a aplicación dese pagamento. En cambio, nos subsidios actuais, canto custa controlar como se aplican? Calcúlase que por cada euro que subsidia, a Administración pública ten outro euro de gastos. Rematará, ademais, esa lacra de que moita xente teña que aceptar traballos infrapagados ou en condicións inadmisíbeis. E rematariamos con toda esa pircaresca de estar cobrando do paro ou de calquera outro subsidio e recibindo, mentres tanto, diñeiro negro procedente de actividades clandestinas.
E como se podería aplicar a renda básica?
En Catalunya, a Fundación Jaume Bofill financiounos un estudio sobre as posibilidades de aplicación dunha renda básica. A finais de 2004 temos que presentar as conclusións, pero podo avanzar xa que, mediante unha reforma fiscal, se os cataláns maiores de 18 anos recibiran unha renda básica de 6.000 euros cada ano e esa renda fose de 3.000 euros para os menores de 18 anos, o 20 por cento dos habitantes máis ricos de Catalunya sairía perdendo, o 30 por cento dos máis pobres sairían gañando e o resto dependería da súa situación familiar.
Hai algunha experiencia concreta de aplicación deste concpeto?
Como tal renda básica, Alaska é o único país no que se ven aplicando dende hai vinte anos algo case idéntico. En parte, está baseado na producción de petróleo. O curioso deste caso é que, mentres que no resto de Estados Unidos, o aumento da riqueza xenerada vai quedando nas mans do 10 por cento da población, en Alaska houbo unha importante redistribución desa riqueza. Isto foi utilizado polo presidente Lula, no Brasil, para promulgar en xaneiro pasado unha lei de renda básica de forma progresiva até o ano 2005. Se o Brasil avanzase rapidamente neste camiño, podería ser moi importante. En Europa, onde máis se avanza en dirección da renda básica é en Irlanda. Ou en Bélxica. No mes de setembro terá lugar en Barcelona o congreso internacional da Basic Income European Network, e agardamos darlle un pulo importante ao noso proxecto.
E por aqui, como anda a cousa?
Notamos interés por parte dos sindicatos que fan algo máis que preocuparse do día a día. O goberno tripartito de Catalunya, no apartado 5.5 do seu programa, fala de forma significativa dunha renda básica de cidadanía. Os partidos políticos, xa se sabe, son moi covardes en xeral e teñen medo a facer algo novo. Entre os partidos de esquerdas en xeral, as opinións acostuman ser favorábeis, pero tampouco avanzan moito neste camiño. Coido que a cousa está cambiando, e que cada vez a idea de renda básica ha callar máis na sociedade.
A Nosa Terra, 24-6-2004








