Daniel Raventós é o maximo experto no Reino de España (como lle gusta decir), sobre a proposta da Renda básica.
Raventós é un profesor Universitario de Teoria Social na Universidade de Barcelona que defende a idea de dotar a todo-los cidadáns dunha renda modesta, pero incondicional, que logo se complete á vontade de cada un, con renda provinte doutras fontes. Daniel é un dos discipulos mais aventaxados dun dos principais filosofos morais do Estado, Antoni Domènech introductor da teoria politica republicana en España, quen ten prologado un dos seus libros sobre a Renda Básica, Domènech defende tamen esta proposta. Raventós pensa que esta proposta social é unha medida que deve asumir a esquerda para renovar o seu discurso e que esta medida daría liberdade real a todo-los cidadans.
Daniel dí que esta é unha proposta factibel que só necesita ser analizada sin
prexuizos. Recentemente estivo en Galicia.

¿Que é a renda básica?

Trátase dun ingreso pagado polo estado a toda persoa só por ser cidadán do espacio xeográfico considerado, independentemente da súa vontade de traballar de forma remunerada, de que sexa rico ou pobre ou de cales foran as súas outras posibles fontes de renda.

¿Cómo xorde esta proposta?

Hai algúns premios nóbeles de economía que falan de algo parecido á renda básica, pero estrictamente falando, ó menos na formulación moderna, aparece por primeira vez no artigo que publicaron no ano 85 Philippe Van Parijs e Robert Van deer Veen, titulado “Unha vía capitalista ó comunismo”. Recordemos que estamos na década dos 80, o contexto era distinto, aínda existía a URSS. Eles formúlano doutra maneira. Este artigo conseguiu captar a atención de boa parte dos teóricos sociais máis importantes do momento. No ano 86, creo recordar, é o primeiro congreso da BIEN (Basic Income European Network). Desde entón, cada dous anos esta asociación ven celebrando congresos. O último foi no 2000 en Berlín e o próximo será en setembro de 2002, en Xenebra.

¿Cómo xustificaría éticamente esta proposta?

Hai que garantir o dereito á existencia de tódalas persoas, de tódolos cidadáns, porque sen este dereito á existencia as interferencias arbitrarias poden ser moi grandes. Unha persoa pobre pódese vender por catro pesos e facer as iniquidades máis incribles precisamente porque o importante é, ó menos, ter garantido o dereito mínimo á existencia.

¿Qué efectos tería sobre os mecanismos de dominación social a RB?

Para evitar a interferencia arbitraria… Se ti lle garantes a unha persoa que teña os mínimos de subsistencia asegurados, fas a esta persoa maís forte de cara a negociar cos poderosos,
cos que teñen a posibilidade de interferilos arbitrariamente. Fas a esta persoa máis segura á hora de negociar un salario, de negociar determinadas condicións de vida. Sen unha renda básica, sen un mínimo que che asegure o nivel de subsistencia, esta persoa está ó arbitrio de calquera poderoso, facéndoo traballar nunhas condicións draconianas, por exemplo. Moitos mozos/as que están traballando con contratos laborais en condicións moi precarias dixéronme máis dunha vez que non farían ese tipo de traballo cunha renda básicas, pois daríalles unha posibilidade de elección maior.

¿Cómo se calcularía a cantidade que debería recibir cada cidadán?

Realizáronse distintas tentativas para establecer unha cantidade de renda básica pero o criterio base, a partir do cal se pode subir ou baixar, é o umbral da pobreza. O umbral da pobreza, ó menos na UE, está definido da seguinte maneira: é pobre aquel que recibe menos do 50 por cento da renda per capita da zona onde lle tocou vivir. No reino de España, isto significaría aproximadamente uns 310, 320 ou 330 euros mensuais. No estado Español habería entón oito millóns de pobres. Se estableces como criterio que a renda básica sexa, ó menos, igual ó umbral da pobreza, estás suprimindo a pobreza dun plumazo. O que ocorre é que dentro dos partidarios da renda básica, hai xente que considera que se tratría dun umbral demasiado alto, que tería uns custes financieiros moi elevados. Esta xente, por prudencia, opina que, en principio, sería mellor unha cantidade inferior ó umbral da pobreza e que o primeiro paso debería ser precisamente garantilo a toda a cidadanía. É moito máis difícil garantir a todos unha cantidade universal que logo ilo incrementando. A fórmula máis interesante de financiar a renda básica, desde o meu punto de vista, é ligala co imposto da renda das persoas físicas, é dicir, todo o mundo recibiría a renda básica, e todos pagariamos en función da renda que recibimos. Polo tanto, as persoas máis ricas pagarían máis e as máis pobres recibirían máis coa renda básica. Todos recibirían renda básica, pero como todos deberiamos, ó menos os que temos rendas provintes doutras fontes, pagar máis impostos para financiar a renda básica, as capas máis pobres e as inferiores de renda sairían ganando, aínda que pagaran máis impostos, e os máis ricos sairían perdendo. Logo habería situacións intermedias, capas de poboación con niveis de renda intermedios, que se quedarían probablemente nunha situación moi parecida á actual.

¿Podería falarnos agora sobre a redefinición do estado de benestar e a renda básica como proposta alternativa? ¿ Non cree que esta proposta pode resultar utópica nun momento, como o actual, no que o estado de benestar esta á defensiva?

Se a cualificamos de utópica porque sexa máis ou menos difícil de asumir politicamente, poderiamos entrar a discutilo. Sen embargo, dende o punto de vista das posibilidades técnicas, non é unha proposta utópica..Calquera medida que tratou de mellorar a situación dos máis desfavorecidos, foi considerada sempre difícil e utópica, pero esta é a sorte que lle espera a calquera proposta que tente mellorar a situación dos máis débiles. Pensemos que actualmente ó 1 por cento das fortunas mundiais acaparan o 52 ou 53 por cento de toda a riqueza do mundo. Se esta xente se atreve a dicir que a proposta da renda básica é utópica, é fácil que pensar que único que están escondendo son uns intereses económicos de usura impresionantes.

¿Vostede considera que esta proposta só pode ser asumida pola esquerda?

Cando Philippe Van Parijs ou eu mesmo dixemos algunha vez que se trata dunha proposta ecuménica, referiámonos a que foi xustificada normativamente por posicións políticas de esquerda ou de dereitas. O que ocorre é que a inmensa maioría das dereitas están contra desta proposta.

¿Cómo afectaría ó mercado de traballo a proposta da renda básica?

Podería afectar de diversas formas, algunhas delas bastante razoables, desde o meu punto de vista. Por unha parte, aumentaría moito o traballo a tempo parcial. Na actualidade, hai moita xente que querería traballar a tempo parcial pero non pode porque non lle é suficiente para vivir. Non teño ningún tipo de dúbida de que tamén aumentaría moito a autoocupación. Ademais, determinados salarios tenderían a baixar mentres que outros tenderían a subir. Coa renda básica habería un incentivo para aumentar determinados salarios hoxe por hoxe escasamente remunerados, que requiren moito tempo dunha vida laboral, ou ben moi duros ou non moi recoñecidos socialmente. Por outra banda, hai xente que, ademais da compensación económica, recibe outro tipo de compensacións (prestixio, poder, recoñecemento social…) e que, se os salarios fosen libres, seguirían traballando con estes traballos coa renda básica aínda que fosen reducidos sobremaneira. Eric Olin Wright teórico das clases sociais, profesor de socioloxía de Wisconsin, di que un profesor de socioloxía seguiría traballando coa renda básica aínda que o seu salario baixase. Hai outro elemento que me parece incuestionable: unha renda básica motivaría a innovación, porque habería traballos que non quererían ser feitos por ninguén cunha renda básica, co cal os empresarios se verían obrigados a innovar tecnoloxicamente.

¿Non cree que sería mellor que todo o mundo tivese acceso a un traballo digno, no canto dunha renda básica?

Creo que este é un dos grandes malentendidos que existe ó respecto. A renda básica é a mellor maneira de garantizar o acceso a un traballo digno. Se queremos garantirlle a todo o mundo un traballo asalariado con dereitos sociais, minimamente ben pagado, temos que ter en conta que esto é incriblemente máis costoso que a renda básica. O pleno emprego, actualmente, é un obxectivo completamente irrealizable, ó menos nas condicións actuais, se entendemos por pleno emprego que poida traballar asalariadamente calquera persoa que queira facelo nunhas condicións dignas. Se entendemos por pleno emprego que poida traballar asalariadamente calquera persoa que acepte facelo nas condicións da patronal, cuns salarios de miseria, si que é posible o pleno emprego, mais non é eso, creo, do que estamos a falar.

¿En que medida cre que esta proposta esta sendo asumida polo Movemento por Outra Globalización Alternativa?

Este movemento falou duna renda básica e creo que o asume, aínda que non sei tecnicamente ata que punto. A renda básica é unha proposta moi concreta, que non supón rematar coa propiedade privada dos medios de producción, aínda que cada un teñamos a nosa opinión ó respecto. Ademais, non só é unha das proposta asumida polo movemento por unha globalización alternativa, senón que é asumida -aínda que logo haxa que ver as concrecións da mesma, e niso hai que ser moi escéptico- por partidos políticos e sindicatos no reino de España. Dende hai dous anos, esta propostas está sendo motivo de atención por parte de partidos políticos e de sindicatos. O PSOE tratou o tema, aínda que penso que o que van propor finalmente será algo moi diferente a unha renda básica, ó menos como a definín ó principio desta entrevista. Tamén traballou esta proposta o Partido Comunista de España, que no último congreso fixo unha resolución moi favorable á renda básica. Inciativa per Catalunya presentou un proxecto de lei, xuntamente con Esquerda Republicana de Cataluña. Sindicalmente, en Cataluña, CCOO defende formalmente unha renda básica de 70.000 pesetas, que sería duns 400 euros aproximadamente, ó mes. UGT tamén traballou algo o tema, aínda que non recoñeceu explicitamente que está defendo a renda básica. ELA, o principal sindicato vasco, que agora acaba celebrar o seu 90 aniversario, invitoume a discutir e a traballar con eles a proposta da renda básica.

Falando un pouco do tema da globalización e da inmigración, ¿esta proposta sería só para aplicar ós países do primeiro mundo ou tería un marco de aplicación máis amplo? ¿Cómo afectaría ós inmigrantes?

Nun principio, a idea é que sexa unha proposta para o conxunto da poboación mundial. O que ocorre é que, falando seriamente, só hai estudios e propostas para aqueles países nos que hai números fiscais ós que aterse e isto, desgraciadamente, só se dá nos países ricos.. Desde o meu punto de vista, existen posibilidades de facer unha renda básica para o conxunto da poboación mundial, pero eu non teño números, e ninguén os ten, para o conxunto dos países pobres.

Noutros países de Europa, ¿cal é o nivel de introducción social desta proposta?

Hai países de Europa nos que xa levan máis tempo discutíndoa, por exemplo, Bélxica, Holanda ou Irlanda, incluso. En Irlanda presentouse un proxecto se lei sobre o que tódolos partidos se tiveron que definir. Noutros lugares, o debate está bastante máis avanzado que aquí. Sen embargo, en poucos sitios se deu o debate coa intensidade que manifestou no Reino de España nos últimos dous anos.

Tempos Novos, núm. 61, julio 2002