Afortunadamente non creo que en Galiza haxa problemas e polo tanto falsos debates sobre este concepto. No nº 1041 de xullo de 2002, de A Nosa Terra, ofrecía esta longa pero clara (espero) definición de RB: “Umha renda destinada polo estado para toda a cidadanía, independentemente de calquer consideraçom: sexo, raça, identidade cultural, morada, nivel de riqueza, situaçom de emprego/desemprego, ets. Trátase, pois, dumha renda universal e incondicional, que recibe o rico e o pobre, o obreiro e o empresario, o home e a mulher, o empregado e o desempregado, umha renda –isso sim- suficientemente generosa como para sufragar as necesidades básicas. Umha renda, en fim, de cidadanía”

Tampouco creo interesante o debate sobre si a RB vai contra o Estado de Benestar. Ninguén aportou a máis mínima razón sobre este suposto enfrontamento (outra cousa máis interesante é constatar que o Estado de Benestar que xorde da segunda guerra mundial obedece a unhas condicións moi diferentes ás que existen hoxe en día, pero iso é outra cuestión -1-).

Os debates que se produxeron nos últimos dez ou doce anos poden dividirse en dous grandes grupos: 1) sobre a xustificación normativa, e 2) sobre o financiamento.

1) Enténdese por xustificación normativa o apoio, ben filosófico-político ou ben ético, que pode darse para fundamentar que a RB é unha medida xusta. Até hai pouco tempo, digamos uns cinco anos, todas (case que todas por asegurar o tiro) as xustificacións normativas foron liberais. Refírome, claro está, ao liberalismo académico, non ao histórico que dificilmente podería xustificar nunca unha RB. Dende hai un tempo, e aínda que os autores que se dedicaron a iso son endemicamente pertencentes ao Reino de España, irrumpiu a xustificación normativa republicano-democrática. Aquí si penso que existe un terreo para debates filosófico-políticos e éticos que poidan dar abondosos froitos, ou seguir dándoos, xa que a colleita foi até o de agora boa.

2) Sobre as propostas de financinciamento da RB houbo moitas e diferentes dende hai tamén dez anos ou máis. Algunhas, especialmente vistas agora, carecen do máis mínimo interese. Outras, .pola contra, irrompen con forza. Facer aquí tan só unha relación é imposible. Pero apuntarei unha idea que me parece crucial: a RB debe ir moi directamente ligada á reforma do IRPF. Dito doutra maneira: a RB pode axudar a consecución dunha claridade fiscal meridiana. E claro está, o financiamento da RB debe recoñecerse que é conflitivo porque non todos gañan aínda que todos a reciban: os mai pobres deben gañar respecto á situación actual e os máis ricos deben perder -2-.

Hai uns sete ou oito anos, nalgúns artigos de divulgación da RB, non podía resistirme a lembrar que o filósofo Schopenhauer deixou escrito que toda verdade pasa por tres estadios. O primeiro consiste no intento por parte dos seus opositores de ridiculizala; o segundo, o de ser obxecto da virulencia crítica por parte destes mesmos opositores; finalmente, chega a ser unha verdade evidente por si mesma, ao menos entre a cidadanía que rexeita a dominación dos máis ricos, como ocorre agora.

Notas

1. Para unha crítica republicana ao Estado de Benestar véase DOMÉNECH, A. e RAVENTÓS, D. (2004) “La renta básica y las poblaciones trabajadoras del primer mundo”, en Le Monde diplomatique, edición española, xullo, Nº 105.

2. Para o caso catalán, véxase ARCARONS, J. ,BOSO, A., NOGUERA, J.A. e RAVENTÓS, D. (2005) Viabilitat i impacte d’una Renda Básica Universal, Fundació Jaume Bofill, Barcelona (en prensa).

A Nosa Terra, núm. 1165, febreiro 2005